dormes ennovelado
nun recuncho sen mapas
no sitio dos ollos
hai unha fenda case cicatrizada
a túa pel fíxose lenta
coma un río despois de asulagalo todo
o teu inar acompasado
pinta o cuarto de sombras
benéficas
gústame verte así
feito un novelo
neste recuncho afastado
onde a merda non chega
lonxe da realidade baixo control
o sol de pugas abertas
entra pola ventá
son os teus ollos
preguntándome
quen anda corricando polo corredor
óense ouveos e rinchos
e moita paxaretada
dígoche que son os do zoo
en viaxe astral
o día dos mortos
ah! por iso soñei cun mono morado!
disme case rindo
e subimos a toda pastilla
ata La tacita de oro
almorzar chocolate con churros
despois iremos
a un vello cemiterio aldeán
para ver desde alí o mar
e como se alonxan as naves.