NA PRAZA DO TOURAL…SEN TOUROS
VAIA PAR DE TRES!
Agora todo o edificio é un museo
Pero en tempos foi un pequeno super
Colapsado de mercadorías
Non sabedes por que entrades
Se cadra é porque chove e vai frío
Frío húmido, dese que che mete ganas
De facer da cama o único centro de operacións
Empezades a deambular polos canellóns
Entre os estantes
Colledes unha tableta de chocolate
Do máis selecto
pasades pola caixa
saídes
Debaixo do soportal ti empezas
A sacar do gabán: unha longaínza
Un bote de vobril
E R da cazadora unha botella de wisqui!
Non te decatas de nada
Alí dentro
E xa fóra
Ves o botín
E aínda non o cres!
Marchades correndo
Alguén vos persegue
A T cáelle un tenis
Volve para atrás
Recólleo
E segue correndo
Co tenis na man
Chegades á catedral por Praterías
Entrades
Acollédesvos a sagrado
Coa longaínza colgando do colo de R
E a botella de wisqui empezada
O vobril non sabes para que o queredes
Dirixídesvos ao santo
Para abrazalo
Nas escaleiras
Que levan ao ídolo
Hai un peto
Non sabes como
Tes unhas pinzas de depilar na man
Introdúcelas na ranura
coas unllas de aceiro
capturas un billete
Estades como queredes
Chorades de risa
E ábrensevos
Todas as Portas do Céo
Saídes polo Pórtico da Gloria
Un mendigo come ameixas guisadas
E tira coas cunchas
No Obradoiro
Comentades
Baixo a chuvia máxica
Que ese debe ser
O único lugar do mundo
Onde os indixentes
Comen ameixas á mariñeira
Para que un de vós
Algún día
Poida soñalo