lugares inalugables


Fóra da casa poucos lugares quedan en que poder espirse sen previo ou posterior pago.

Como creo nos milagros e eles constitúen todo o meu inventario, dou cun lugariño máxico, cheo de penedos, de herbas raras e de centos de formas de vida anónima, algunhas inéditas. O mar chega alí a modo e ao longo dos séculos vai tallando pequenas calas coroadas de espiñeiros onde acubillar os seus mellores soños.

Despois do baño, tomo o sol nas pedras quentes e espidas como quen toma mate por bombilla no salón azul do pazo. Que marabilla! Nin un guiri á vista. Os capullos son todos vexetais e amósanse amorosamente inconscientes da súa fermosura.

Andan os sirenos soltos sen que ninguén lles diga nada por iso.

O recunchiño é pequeno pero vale un mundo.

Darei con el mentres consiga mantelo anónimo.



a tarde alonga as sombras
ata facelas chinescas

e elas estarrícanse
gatos preguiceiros
a saíren dun profundo
soño telefotopático

o sol aínda lanza os seus dardos
pero a calor non chega
apenas unha cochega
na pel colmada

coa marea baixa
pequenos illós descobren
o seu monólogo petrificado
nunha era anterior a toda idea de naufraxio


é a hora en que as píllaras
furan o ar camicaces
e caen
en pi
ca
d
o
!
sobre un tremor da auga

cando emerxen
levan no peteiro
tallada
co punto exacto de sal

só é o 1ºprato.


E antes de marchar
un sireno emerxe
que te pires, dígolle
vas quedar encallado
insiste
e cando se quere dar conta
queda varado
entre mexillas
vou alí
turrando por el
consigo darlle fondo
a próxima vez
terá que safar el só
alónxase melancólico
cara un negro illó
e bótase a chorar
o moi pampo
e un can empeza a ouvear
de coro
que par de tres
di miña visavoa cando olla a escena
que parrandeiros!