mergullos na transparencia

hoxe dou o primeiro
dos últimos nove baños
e é un momento de gloria
secuestrada
ao tempo dos semáforos

a marea anda descontrolada
e lambe todos os penedos
cunha calma escandalosa
e unha minuciosidade
que debe ser ilegal
apenas hai sitio en terra
para amorear tantos beixos
atrasados

a herba da ribeira
non dá creto
a tanta mornura
e ponse violeta intensa

no fondo da auga
pastan os cuncheiros
e as algas abalan
como cabelos ao vento
a cámara lenta
de aquí para alá
desordenadamente
enguedellándoo todo

milagrosamente
as augas están limpas
e hai días que non se detectan verquidos

todo converxe
nun punto
transparente

mergullo nel
para empezar
de novo
de 0




Val del Omar: Desbordamento


A transparencia