adverbios de tempo

ONTE escachaba escaparates
coa ollada posta de esguello
sobre o presente

HOXE bailo toda a noite
nas fochancas
onde dorme
o que queda da lúa

MAÑÁ quedarei a durmir
e esquecereino todo

MENTRES TANTO
coas pantallas en of                                              
e as persianas dos ollos entornadas
contemplo o ollo do sol
ese gran furado enfermo
pendurado dos guindastres
que parafusan o céo



unha cortina esfiañada
de contaminación
recobre calquera espello
cun veo de bafo negro