pinto o meu nome na area
na negra praia da noite
para que o leve a marea
no barco dos ventos tolos
á festa dos horizontes
tallo o meu nome nas rochas
para que o beixe o vento
e poña ás ao desexo
porriba das nubes rotas
tiro despois da cisterna
e boto desinfectante
para acordar cada día
tal se non vivise antes
non temo o que está por vir
os fados non teñen ás
eu son aurora que canta
na lanterna da mañá
recuperando o principio
de vivir aquí e agora
non haberá precipicio
que me proxecte na borra
o meu silencio sagrado
fará de min unha espada
para abater o pecado
de pretenderme dobrada
escoito as mudas pedras
entoando unha canción
que libera os corazóns
das maís terribles miserias
nunca será o que eu canto
máis que para bailar
e para neutralizar
todo proxecto de espanto