recollo os pelos en punta
para que non mos leve o temporal
e vólvense cabelos de recollemento
desprego a lingua de trapo
e cando a quero meter no lavalouza
doume conta que non teño
abro de par en par as ventás
e entran nubes de paso
que trabucaron o camiño
así que marchan escopetadas
enchufes abaixo
chamo aos meus amigos
de ferro e dinamita
e facemos un fala barato
uns din que teñen toneladas de beixos
e resulta que son seixos
guindados por vellos amores
para rosario de horrores
encadeados a erros
outros disque teñen vistas
pero están cegos
no resplandor da capital decapitada
e perden a cabeza cada semana
hainos que din misa
pero non son curas
comentan pero non comen
dálles igual o sol que a queratina
viven de xelatina envasada ao baleiro
e nácenlles pombos ventureiros en cada ollada
asubiando necesidades
do revés e de costado
deitámonos ao sol do inverno
coma gatos anémicos
sufrimos de sidol nos ollos
para non botarlle crema de ave
ás aves do paraíso
afortunadamente o noso discurso
non vai máis alá do google reader
que non le ninguén
alén dalgunha bolboreta misántropa con muletas
antes de emigrar a África ecuatorial
notamos como as palabras
pouco teñen que ver cos brazos
fóra dos galiñeiros
sentimos vibrar as covas
onde os ovos saen xa frixidos
para estamparlle a vostede un pexego ventureiro
nos portos usb
dos seus ollos diáfanos
mapoulas boca abaixo