neuralxia cranial

disme que che doe o cranio
todos e cada un dos ósos do cranio
apaga o wifi!
o impacto desas ondas electromagnéticas
é máis demoedor que unha botella de tinto peleón!

depois aseguras que o teu corpo
non é un mero vehículo para a túa cabeza
saturada de ideas xeniais
eu créote
engades que o teu corpo é unha nave
coa adega chea de visións imposibles
navegando sobre un cóctel de sensacións
algunhas desquiciqntes
outras pura impresión
case todas deseñadas para o arreguizo
e programadas para a conmoción

uuuhm! debes estar en plena fase de mutación

contestas alarmado que temes as esponxas xigantes
vas en estado líquido
facendo pactos co termómetro
para non morrer de sede

cando, finalmente, quedas a durmir
co corpo laxo e a respiración tranquila
síntote custodiar
coa lixeireza
das
plumas
do edredón
de antano
a chegada
dun anxo de
silencio
a che
gada
dun
anxo
de
si   le    n    c   i     o