PERDENDO OS OLLOS POR AÍ
a festa fora rachada e durara de máis
acabastes superpi e máis ti empotrados contra un muro
o coche quedou para o desguace
e a cunca dun ollo baleiro foi parte do saldo
e liquidación
puxeches un de vidro
rarísimo
e a xente veña a meterse contigo
para quitarlle ferro ao asunto
dicíndoche: non me mires co ollo raro!
non tardaches en volver ás andadas
sempre escaso de cartos
vendías calquera cousa
e un día apareciches
con caixas e caixas
de latas da única fábrica artesanal que quedaba
xouba, mexillón, xarda, bonito (do mellor)
mercáronchas todas
a operación fixéchela na punta do muelle
marchaches contento
e houbo quen probou as mellores conservas da súa vida
o malo foi o ollo
que quedou no camiño
era o da luz tenra
de meniño escachapedras
que aínda ignoraba
que algunhas randeeiras
van dereitas
aos sumidoiros
a vella fábrica pechou
no sitio hai un supermercado
onde se venden latas
facturadas por máquinaria moderna
recheas de peixe podre importado
a prezos de liquidación