Dríade (1)






A súa boca é o manancial dos máis tépedos ventos e a súa voz unha bóveda onde resoan gorxas de paxaros. Os seus ollos de bidueira relumbran, os seus oídos de tilleira murmuran onda os lagos do verán.

Os seus pensamentos son formigas que avanzan camiñando polas nubes brancas do céo e as nubes son os seus serenos, fugaces sentimentos.

Os seus innumerables peitos son as matas de brión amarelo máis brandas da gándara e o seu sexo semella un niño entre dúas poderosas pólas ou unha lagoa de nenúfares con lucios centenarios ou unha anémona azul ou o arrecendo a madeira pútrida...

Ela bótache olladas coma libélulas, dáche beixos con fresas vermellas, acaríñate coas súas tenras ramas.

Ela é un fogar para todos os que aman desamparadamente, unha gorida para corpos espidos, un colo para nenos perdidos e unha aperta para os grosos membros que romperon os camiños. Ela agocha culpa e inocencia sen preguntar.

O seu hálito é fresco coma un reclamo e o seu fermoso corpo xace intocado cando regresa o camiñante- pero a súa alma foxe por entre as árbores e contesta a todos os que berran...

Se lle preguntas o que preferirías saber de todas as cousas ela darache a resposta da verdade- devolverache a túa pregunta.

GUNNAR EKELÖF: Antoloxía poética, Dedicatoria, 1934

(1) ninfa da mitoloxía grega, protectora dos bosques e das árbores