a cabra e o monte



SEXO DE GRANXA
Mentres uns van de sobrados
Outros veñen relambendo
O conto é ir e vir
Todo o que vai
Acaba volvendo
Pola misteriosa lei da gravidade
E porque a cabra
Con cabróns ou sen eles
Sempre tira ao monte

Chámaoa marisombra
E tamén maritebras
Pero non importa
O chamar non ten cancelas
O carallo é moverse
E facer algo que pague a pena
Non para a posteridade
Senón para xustificar este agora
Que é de todas e é todo o que temos
Con negocios de tapadiño incluídos
E moito mari mari mareando a agulla de marear
Rebentándose a pallas
Con material alleo de conxelador

Disque Einstein nos apoia
Desde a eternidade
E que a teoría da física cuántica
É un lixo abstracto
Comparada coa realidade sicodélica
Que temos que aturar a pelo

En fin, aínda que
Xa nin miren para nós, distantes,
As estrelas
Parece que hai poesía na base militante
De todo tipo de ideas
Disfrutarémola  o máximo posible
E obviaremos os taimados
Gozando da súa ración
De sexo de granxa.